Anticrise, salvavidas, salvaminegocio…
Sinceramente, non me gustaría perder a perspectiva correcta. Posiblemente non a teña. Pero antes de escribir o seguinte, xa levo pensado moito neste tema dende fai uns días, e repito é dificultoso manter a obxectividade. Pero de verdade que o intento.
A verdade é que me pilla bastante lonxe, e a información que me gustaría non é a mellor posible. Pero xa que estamos na busca de vender e de que o negocio saia para adiante de calquera maneira, custe o que custe, pasándolle por encima a quen sexa, sen prexuízos, sen amor polo que facemos, sen ética... ou... perdón, perdón, perdón. Vou por mal camiño, o que queremos é axudar a saír da crise, de que moitísimos parados poidan ter acceso a un anaco de “pan” a 0,20€. A que este país se recupere da crise e a asegurar que manteremos os prezos ata que esta remate. Perdón, perdón, perdón... ou... será que estamos tan desesperados, que o negocio está a piques de pechar e optamos por vender o noso produto a eses prezos como medida salvaminegocio, e así como nos saíu tan ben, xa falamos de montar outra tenda máis, noutro sitio coas medidas “anticrise” xa mencionadas. Bueno, non sei, estoume a facer unha lea... xa dicía eu que non tiña toda a información que eu quería.
Claro, por que vin un vídeo que comentaba que tódalas panaderías de Torrent venden as súas barras a 0,20€ para competir coa nova tenda que abriu Pepe Navarro, quen inventou esta fantástica promoción. Segundo se observaba no vídeo, antes as barras eran a 0,75€ pero agora os panadeiros crearon unhas a 0,20€ que eran dunha calidade UN POUCO inferior. A verdade é que da gusto, que os profesionais do sector baixen 0,55€ no prezo dunha peza de pan e só diminúan UN POUCO a calidade. A verdade é que por moito que rompera a cabeza, eu, non me vexo en condicións de conseguilo.
Pero é que entrementres a min acábame de vir á cabeza, o custe dos ingredientes, supoño que en combustibles e electricidade, supoño que a man de obra da xente que colabora a facer esas 3000 barras nunha destas panaderías. 3000 barras... requiren man de obra, maquinaria, electricidade, ingredientes... bueno e tamén se me acordan tódolos impostos que hai que pagar, a seguridade social dos empregados, alugueres e demais gastos.
E non querería esquecer algunhas das cousas que me ten falado meu pai, falo en Galicia. A industrialización da panadería, a baixada da calidade do pan, o aumento da cantidade de pezas producidas, os horarios dos panadeiros, as condicións laborais, as calidades das materias primas, as condicións das panaderías, ao aproveitamento do pan reseso no proceso coñecido en Galicia como “sopas”. Moi sinxelo, volver a amasar o pan reseso, previamente mollado durante un período de tempo en auga. Disto, fai moitos anos. Eu non o lembro, nin tampouco meu pai pero claro que o houbo, é que eran tempos moi malos, tempos de fame.
E para finalizar, acábaseme de ocorrer se algúns destes panadeiros de Torrent é capaz de baixar un céntimo máis o prezo a súa barra, 0,19€. Que pasaría? O mellor aqueles que non sexan capaces de competir en prezo, pero fagan unha gran calidade de pan poden vender o reseso a 0,20€. Igual así son capaces de competir... bueno, non sei. Falo de medidas anticrise ou medidas salvavidas ou medidas salvaminegocio ou... que lea, que lea, xa dicía eu que non o tiña nada claro.
A ver se me axudades a aclararme, mentres, esperemos que en Compostela, sigamos apostando polo PAN.