Pan da última fornada

Con moita miga, si.

Dous meses despois. Dous meses que tiven que reprimirme de escribir e contar o que me parecera a nivel persoal o evento. Dous meses, xa que quería deixar un pouco de distancia para poder valorar da maneira máis obxectiva posible o primeiro evento de pan galego como tal.

Non foi doado. Para min resultou moi difícil levar a cabo un evento que simplemente dende a humildade hai que agradecerlle persoalmente á xente que forma comigo a Asociación. Lograron que se falara de pan, simplemente de pan galego. Lograron que houbera dous protagonistas que realmente veñen sendo horas de que sexan recoñecidos como tal, o pan e os panadeiros.

Non sei, agora que o estou a escribir, se poñer o nome de toda a xente que nos axudou ao igual que non sei se poñer o nome de todos os membros da Asociación. Son demasiadas persoas ás que persoalmente lle teño que agradecer toda a axuda. Non é escusa para non escribir os nomes, é unha realidade. Moitas persoas se involucraron no proxecto e deron o seu apoio, repito sempre desinteresadamente, para que o evento se levara a cabo. Lembro continuamente aquel xantar entre amigos, comendo o pulpo, onde naceu esta idea na que nin nós mesmos pensabamos que a iamos a conseguir. 

- Sabedes como é a sensación de que panadeiros de moitos puntos de Galicia brinden a súa axuda desinteresadamente e que che digan que están aí para o que faga falta?
- Sabedes o que é ver a xente volcada nos microtalleres sobre as mesas cunha expectación e unhas ganas de aprender sobre pan que eu non podía imaxinar?
- Sabedes o que significa que veñan a un evento de pan galego panadeiros doutras comunidades autónomas para interesarse polo que facemos aquí?
- Sabedes o que significa ver unha sala ateigada de profesionais un luns onde todos os panadeiros traballan e fan o gran esforzo de achegarse a ver este evento?
- Sabedes a sensación de que os panadeiros digan que hai que seguir facendo cousas, que hai que traballar todos moito máis unidos?
- Sabedes o que significou todo iso e moito máis para min?

Éxito de afluencia no Gaiás, Con Moita Miga
Éxito de afluencia no Gaiás, Con Moita Miga

O pan galego e os panadeiros son para min unha obriga que non podo deixar a un lado. Con Moita Miga somos un grupo de xente de diferentes profesións, que nos une un ben común, o pan e os panadeiros. No Gaiás o 26 e 27 de xaneiro plantouse unha semente que debemos de coidar e seguir traballando para que o pan galego ocupe o lugar que nós cremos que merece.

Ver a persoas afeccionadas ao pan, os medios de comunicación cubrir o evento e a Noite Branca, blogueiros, revistas especializadas, panadeiros, xente relacionada co sector como distribuidores, expertos en maquinaria de panadería, aprendices de panadeiros, empresas que se están empezando a crear... é a razón que fai que o esforzo e o empeño de todo o noso tempo sexa recompensando dunha maneira que  non podiamos imaxinar.

E finalizo contestando á última pregunta da lista, a de si sabedes o que significou todo iso e moito máis para min? Significou que o pan galego está máis vivo que nunca. Que non é unha moda como se está a converter o pan en moitísimos lugares, que o pan galego é unha realidade de tradición e vangarda que simplemente o que necesita é que se fagan cousas por el, pero sempre pensando nel.

Moitas grazas a todos.