Cubelo. Pan. Internet. Mundo...
Levo xa algunhas semanas con moitas ganas de sentarme tranquilamente e poder escribir. A verdade é que dispoño de moi pouco tempo pero aseguro que vou a aplicarme no que, aparte dunha devoción e un auténtico pracer, é para min unha especie de obriga con quen toma a molestia de pararse a ler este recuncho de panadeiro.
Sempre saen temas para tratar no blog, situacións que paga a pena facer unha reflexión e intentar ver unha segunda ollada, outra maneira de velas cousas. E hoxe coido que merece a pena reflexionar sobre o outro lado da panadería na que eu traballo. O outro lado que descubrín e descubro cada día. Que ignoraba e ignoro e que, posiblemente, temía e temo. Con todo iso, aínda segue a seducirme constantemente a pesares de non ter nin idea. A panadería e internet.
Xa o dixen varias veces pero debo de repetilo, este blog é cousa de dous. Si, eu son o que escribo e fago as reflexións pero o mérito de que isto fora cara diante e que eu alcanzara un compromiso con escribir o que penso, así como todo o apartado do deseño e mantemento do blog ven da parte de Dani Gesto. Síntoo, pero hai que ter sorte cando se escollen os amigos.
E como tal, aí deixamos unha conversa coma outra de tantas que temos, pero desta volta por escrito e na rede. Un cara a cara en toda regra.
D: Moi boas Guille, lánzome coas preguntas.
D: Sei das moitas horas que traballas e do pouco tempo libre do que dispós debido ó teu oficio ¿cómo fas para ter tempo ademais para as redes sociais, eu aínda non sei de onde o sacas…
G: As redes sociais ao nivel que eu as uso non é que precisen de demasiado tempo. Persoalmente non teño ningún perfil de Facebook, Twitter, Instagram... polo que é máis un compromiso adquirido con Pan da Moa que outra cousa. Intento ser serio e constante nas publicacións para manter un contacto continuo coas persoas que nos seguen e aí entra que as redes sociais, para min, sexan un arma de traballo dende o punto de vista de dar a coñecer o que facemos no noso obradoiro.
D: A practicamente todo o mundo nos gusta que o que escribimos ou o que publicamos xere algún tipo de reacción no lector, e se é positivo mellor, está claro. ¿Qué che xera a ti cada comentario, cada “gústame”, cada novo seguidor? ¿Anímate a seguir mellorando ou seguiríalo facendo incluso sen esa reacción da xente?
G: A interacción coas persoas que poden ver o que publicas é unha das grandes vantaxes que teñen as redes sociais. Ver que o que se fai nun obradoiro de panadería de Compostela sexa seguido por moitísimas persoas de multitude de lugares é, polo menos, moi sorprendente. Está claro que é un punto de positividade que guste o que mostras dende a rede e anima a continuar coa tarefa. É obvio que todo o que ensinas é para que sexa seguido pero a miña parte persuasiva coido que sería capaz de continuar aínda que non tiveran moita resposta as publicacións. Ti coñécesme ben, e sabes que seguiría intentando que a xente se anime a ver o que facemos.
D: Facebook, Twitter, Instagram, Youtube, blog… tés predilección por algunha delas? Sincérate, algunha que non che guste ou che guste un pouco menos?
G: Para min o blog está noutro apartado moi distinto que as demais. O blog é algo persoal no que intento escapar da vista empresarial e o que busco é a revalorización do pan e do oficio de panadeiro. Persoal e compartido ao mesmo tempo xa que ti tes moito que ver nel e es o seu máximo precursor. Posiblemente o blog para min sexa o máis especial xa que nunca pensei que ninguén se puidera a parar a ler o que escribo.
No demais... é posible que teña un apego especial a Facebook por iso de que foi a primeira que utilizamos e a que nos ensinou que as redes sociais son moi útiles empresarialmente. Non me decanto por ningunha, todas teñen cabida e coido que o bonito é utilizalas de distintas maneiras.
D: Ata momento, xurdiuche algunha oportunidade interesante, coñeciches novos seguidores ou profesionais nalgunha destas redes sociais? ¿Algunha anécdota interesante? ¿Algo que che fixera moita ilusión?
G: Pois sinceramente hai que dicir que todo o que xeraron as redes sociais foi moi positivo para a empresa e tamén para min persoalmente.
Dende o descubrimento do mundo dos panarras e poder ter contacto con eles, a coñecer a outros profesionais doutros lugares do mundo. Coñecer persoalmente e ter o pracer que visitaran o obradoiro xente como Ibán Yarza, Jorge Guitián e Anna Mayer, Manolo Gago... que Nacho Mirás Fole sacara unha reportaxe sobre Moscoso Moure na contraportada de La Voz de Galicia.
Descubrir que a través do teu blog haxa xente que se anime a montar unha panadería propia e ver que algún escritor con traxectoria envidiable che felicite por como está escrito o mesmo... iso sen dúbida claro que gusta e anima.
E si, hai oportunidades de facer cousas moi interesantes grazas a todo isto, pero estou seguro que a ti non che gustaría que as desvelara aínda, así que todo ao seu tempo.
D: Falemos de cifras: máis de 1.000 seguidores en Facebook, máis de 300 followers en Twitter, case 60 en Instagram, máis de 1.600 reproducións na canle de Youtube e como colofón roldando as 9.000 visitas ao blog Pan da Última Fornada, das cales máis de 2.000 proveñen do estranxeiro. ¿Esperabas isto?
G: Unha corrección, en Twitter son máis de 400. Se o esperaba? Nunca me animaría a facer nada disto se non é pola insistencia de Dani Gesto así que imaxínate se eu agardaba que alguén se parase a visitar o que facemos. É máis, non hai día que non deixe de sorprenderme.
D: Por último: ¿pan e internet poden ir da man? Fálanos do antes e do despois!
G: Visto o visto coido que é moi necesario que teñan que ir da man. Temos que utilizar tódolos medios ao noso alcance para mostrar o que se fan nos obradoiros de pan de verdade e internet é a gran ventá ao mundo.
Do antes e despois... mira vou a ser moi claro, tes que ver a transformación de Panadería Moscoso Moure a Pan da Moa. Seguimos a ser os mesmos pero cunha visión e cunha perspectiva diferente, Panadería Moscoso Moure eu digo que é a que ten as esencias da tradición e das elaboracións e Pan da Moa a capacidade de seducir a todo aquel que se atreva a degustar calquera cousa que fagamos. Por iso esa web da que estamos tan orgullosos, por iso esa entrada na rede que agardamos nos siga a dar tantas satisfaccións.
G: Bueno Dani agora tócame a min.
G: Onde, como e cando descubriches o pan? Pensabas que o pan, como produto, podía chegar a sorprenderte tanto? Agardas aínda máis do pan?
D: Sempre me gustou comer, a poder ser comer ben, comer caseiro e o pan nunca faltou acompañando a miña comida. Como sabes, sempre tendemos a comparar todo e, desa maneira sempre me gustou o pan e me gustaba poder comer do mellor pan que coñecía, pero claro, só dos que coñecía. Hai uns anos o voso pan, daquela Moscoso Moure, sorprendeume e fíxome ver que o que ata o momento mercaba non é que fora xa tan bo.
Evidentemente que me sorprendeu, non sabía que se podía chegar tan lonxe co pan. Pasei de coñecer o clásico molete, a barra normal, a barra artesá e fai uns aniños esa moderna baguette que parecía saber a gloria a ter na miña man un listado de aproximadamente 30-40 pans diferentes, cada un cos seus matices e maneiras, e todos con algo especial, todos, gústenme máis ou menos uns e outros. Pregúntasme si me sorprendeu?
Sendo así, do pan xa me agardo calquera cousa, pero non en calquera sitio, aínda que si vexo a xente capaz de poder sorprenderme, pouca pero véxoa. E non me chames subxectivo.
G: Despois de ver o proxecto de The Loaf en Donosti, coñecer a xente como Ibán Yarza, relacionarte con xente de importancia da panadería en Galicia e doutros lugares, como ves o futuro da panadería? Cal cres que debe ser o camiño que debe tomar a panadería artesá tanto a nivel de tenda como a nivel de aproveitamento de internet?
D: Primeiro dicir que todas estas experiencias que vivín acompañándote por aí adiante foron incribles, de todas hai cousas que me chamaron moito a atención e todas elas tiveron, se non me equivoco, algunha consecuencia positiva.
O futuro da panadería véxoo, sinceramente, e sabendo pouco do tema, posicionándome como un simple consumidor cunha lixeira idea, como un campo cunhas posibilidades inmensas de crecemento. Hai moita xente, moito pan, moitos panadeiros pero poucos cun grande interese como o que ti demostras e poucos máis dos que teño oído falar. Tendes espazo para experimentar, para crecer, para probar, para sorprender; tendes estudios, coñecemento, gañas de crecer; e tendes ó alcance un mercado cada vez máis interesado neste mundo, en comer mellor, máis saudable e cunha sensibilidade maior por un bo produto.
Agora o que queda e que penso que estades mellorando co paso dos días é a vosa imaxe. As tendas son a vosa carta de presentación, a vosa invitación a probalo voso produto, ese primeiro paso. O resto faino o produto. Internet é un arma, un arma eficaz para presentarvos, para facilitar a conexión, para chegar máis lonxe; e isto hoxe en día é imprescindible, non pode faltar, a xente comézao a ver como indispensable. Pero repito, a tenda e internet maiormente facilitan e axudan, o produto conquista.
G: Coñecendo o teu espírito emprendedor, animaríaste a embarcarte no proxecto de montar unha panadería ou algo relacionado co sector?
D: Considero que os meus coñecementos polo momento, sendo maiores que anos atrás, son escasos para poder atreverme. O contexto para nós, os xóvenes, complicado, nada axuda.
Polo momento digamos que me vou enganchando a isto e me encanta axudar no que podo e no que me podo defender. O futuro, como ti soes dicir… acórdate o que falabamos o outro día e mira como estamos hoxe!
G: Falando do blog, Pan da ultima fornada, que agardas del? Sorpréndenche os resultados de audiencia? Estás contento co que se está facendo?
D: O blog, despois de moita insistencia sexa dito, saíu adiante. Agardo moitísimo xa que cada vez que se publica algo trato de facer un pequeno seguimento da atracción e reacción que xera e sempre me levo algunha sorpresa. Penso que o que escribes gusta, o produto, a letra; o resto axuda.
Evidentemente que me sorprenden os resultados. Ver que o visita xente de máis dunha vintena de países e que por poñer un exemplo, houbo máis de 1.000 visitas dos Estados Unidos sorpréndeme e moito. Pódesme crer, pero queda moito traballo por facer, temos que engadir novas sección e facelo máis dinámico a pesar da falta de tempo, seino.
G: Pan da Moa e Guillermo Moscoso, que futuro lle auguras a cada un?
D: Teño unha cousa clara, haberá Pan da Moa e Guillermo Moscoso para moito tempo, quizais para moitos anos e sempre da man, ou iso penso. O futuro, pois moi atractivo e ilusionante.
Sempre o digo, cando vós, os que metedes a man na masa cada día pensades que hai moito feito, eu penso que aínda se está comezando, que queda moito por facer. Sabes o que penso e vémolo dende diferentes puntos de vista, nin vós nin eu temos toda a razón. As bases de todo, son de aceiro e o paso do tempo vai axudar moito, pénsoo sinceramente.
G: Sempre facemos moitos proxectos xuntos, incluso algún que sairá relativamente pronto. Cres que as nosas ideas e ganas de cambio poden facer cambiar e mellorar o panorama panadeiro, polo menos, en Galicia?
D: Xa se está conseguindo, xa o estades conseguindo, ti e algún outro, cada vez máis sodes os que sumades para conseguir iso e se están a ver moi lentamente os resultados. E o que queda, estes vindeiros meses servirán para traballar a favor dese cambio de mentalidade. Eu podo axudar, podo aportar un punto de vista diferente, externo, pero está todo nas vosas mans.
É certo que camiñando xuntos, axudándovos, axudándonos conseguiremos, ou canto menos intentaremos, ese cambio tan necesario e que xa se comeza a ollar.
G: Para rematar, cando te vas a atrever a metelas mans na masa?
D: Ese xa é un tema complicado jeje. Un día probareino, quén sabe se me defendo ben aínda que non o creo. De primeiras déixoo para os que controlades a fondo o tema. O tempo non da para máis.