Despertaremos!
Despertamos ou seguimos durmindo? Seguimos a durmir como esas masas que quedan fermentando toda unha noite. Fermentando tranquilamente, agardando a acción das enzimas para que descompoñan os amidóns da fariña, para que os sabores se desenrolen pouco a pouco e que as levaduras e as bacterias fagan as máxicas reaccións das diferentes fermentacións que só se poden realizar con tempo. Tempo que nós, aquí, dende o noroeste da península sabemos e soubemos tratar dende fai décadas e quen sabe se, incluso, centos de anos.
Si, aínda que non o creades sigo a falar de pan. Sigo a falar de masas con máis de 80% de hidratación, chegando incluso ata un 100%. Continúo coa exposición de masa intratables, con masas líquidas, con fermentos naturais. Con masas tan líquidas que só, repito só e volvo a repetir, só dende este recuncho do noroeste somos capaces de convertir en pans grandes, en bolos de esencias máxicas, migas suaves e húmidas, pans de días con codias crocantes, con recendos a esencia da tradición e a volta os anos de cando eramos nenos, polos menos a min.
E en verdade que non é facelo ou intentar dicilo bonito, realmente é o que penso. Sempre baixo unha perspectiva que ó mellor non che deixa ver a claridade do evidente. A evidencia de que tamén noutros moitos lugares o fan realmente ben. Estou seguro, pero no meu interior sempre sae a mesma pregunta. E nós? Nós seguimos a fermentar, seguimos agardando a que as bacterias e as levaduras naturais, esas con matices dun Atlántico e dun Cantábrico. Esas con sabores de fraga, con recendos a castañas e a carballos. A humidade fresca e a verde. Pois nós, seguimos nese proceso. Noutros sitios xa están vendendo o pan, realmente como o teñen que vender, realmente como o teñen que facer e sen dúbida que, aparte de con éxito, con calidade e con modernidade que non perde de vista o tradicional.
Congresos, charlas, talleres, catas, panaderías transeúntes, panadeiros caseiros, redes sociais, panadeiros de referencia e moitas cousas máis logran un movemento sen dúbida inesperado e á vez tan agardado polo noso mundo do que nós non podemos seguir á marxe. Este fin de semana en Madrid temos outra mostra de xuntanza, xuntanza para falar de pan, para valorar o produto e para darse a valer. Éncántame. Para min é unha gran motivación xa que agardo un futuro que me permite seguir a soñar, vivir dunha das miñas paixóns como é o pan.
Pero quero recalcar, que aquí en Galicia a pesares da nosa fama, seguimos na primeira fermentación. Si, nesa fermentación en bloque na que se desenrolan os sabores. Nós seguimos como as masas durmidas, que parece que non fan nada pero cando as miras o día seguinte descobres que algo novo sucedeu nesa cubeta que deixaches onte á noite. Si, seguimos aí. Pero aviso. Repito, aviso. Que, sempre un pouco máis tarde, porque nós somos de longas fermentacións... DESPERTAREMOS! E non ter ningunha dúbida, SORPRENDEREMOS non só dende a tradición. A nosa masa levará tamén como ingrediente principal a Vangarda. Tradición e Vangarda, non soa mal, nada mal. Pois iso, despertaremos.
Comentarios
Noraboa polo artigo, de parte dun panadeiro caseiro afeccionado. Creo que xa somos moitos os que facemos pan na casa e agradeceriamos moito unha iniciativa como The Loaf en Galicia. Contade, dende logo, co meu apoio e o meu interese.
Alberto
Moitas grazas Alberto. Dende logo que sería interesantísimo unha iniciativa como esa, pero non cabe dúbida que resulta moi dificultosa tanto a nivel laboral como financieira. Pero bueno, sigo no meu pensamento positivo e coido que nada é imposible. Seguiremos traballando e intentando promocionar o pan, pero sobre todo o pan galego.
O dito Alberto, moitas grazas e DESPERTAREMOS.