Pan da última fornada

Espello público en Sabadell

Despois duns cantos meses, coido que empeza a ser preciso adicar un pouco máis de tempo o blog. A verdade que teño moitas cousas para contar e pode ser bo comezar polo final, polo máis recente. Aos poucos irei comentando todo o que paga a pena dos últimos meses. Mais sen lugar a dúbidas que estou máis que sorprendido polo que me está a suceder, e en liñas xerais moi contento.

O mércores 30 de setembro e o xoves 1 de outubro estiven en Sabadell, no Gremi de Flequers da Provincia de Barcelona impartindo unha demostración de Masas de Alta Hidratación, en resumidas contas de Pan Galego.

Un centro moderno, de instalacións impecables, con maquinaria nun estado excepcional. Un espacio de mesa dun metro cadrado por cada alumno, unha liña de amasadoras que se non lembro mal dan tamén a unha por alumno, cámaras de frío, cámaras de fermentación, batidoras, fornos de aire e de chan refractario, máquina de xeo, de escarcha... almacén de fariñas e doutras materias primas varias, sala de audiovisual, unha tenda-cafetería onde se venden os produtos que elaboran os alumnos... en fin, visto o visto a min pareceume unha marabilla para poder ensinar e traballar. A verdade que quedei encantado co trato da xente e coas instalacións, e por suposto cos panadeiros que viñeron a ver a demostración.

Non creo que ningún político galego, ningún mandatario das escolas de panadería que hai en Galicia teña a costume de ler as entradas do meu blog, pero por se algún toma a molestia... non estaría demais que fixesen unha viaxe a Sabadell a ver como se xestiona unha escola, como se deben ter as insatalacións e como se aposta por formar aos alumnos e os profesionais nun oficio. Sorprende moito o desenrolo do mundo do pan en Cataluña? Pois a min despois de ver esas instalacións non me sorprende nada. Absolutamente nada.

Non me considero ninguén como para dar leccións de nada, pero ao mellor aos gremios e asociacións patronais de panadería que hai en Galicia válelle a pena sentarse entre elas. Pensar, falar e entenderse. Non o vedes así? O Pan Galego é o mellor do mundo? Eu coido que si. Pero como non avancemos cos tempos é posible que dentro duns anos teñamos que falar doutras zonas como referencia de pan. E claro, isto está nas nosas mans. Nas de todos os panadeiros que hai en Galicia e nas asociación que os agrupan. Falemos e obriguemos a que se nos escoite nas administración para facer da panadería un atractivo para a xente nova e para todos os que traballamos no sector. A miña man está tendida para os que queiran falar conmigo de pan e dun futuro de verdade para os panadeiros.

Xa que hai lugares que o están comezando a facer ben, debemos observar e aprender todo o que se consigue e, por suposto, da maneira en que o fan. Sen dúbida que a escola de Sabadell do Gremi de Flequers da Provincia de Barcelona, é un espello público para a panadería actual.

Comentarios

Claro que sí. Temos moito do que estar orgullosos, pero cando alguén fai algo mellor temos que aprender tamén a ver cómo o fan, a preguntar e a non ter medo a recoñecer que podemos ter algo que aprender... e poñernos a iso. É a única forma de que o mundo do pan (calquera mundo) avance.