Pan da última fornada

Italia, marketing, produto...

As pegadas poden ser tan referentes e clarividentes que moitas veces chega a sobrar todo o demais. Nunca un sabe a onde vai chegar nin o que lle está a faltar por ver. E a verdade é que neste caso, o mellor de todo, o que realmente agardas que pase con todo, é que sorprenda, e que sorprenda para ben.

E claro para iso nin falla fan grandes elocuencias, nin que o que haxa detrás sexa o mellor do mundo. Estou seguro de  que moitos de vós estaredes a preguntarvos de que raios estou a falar. Pois algo tan simple e tan difícil de marcar a diferenza. Ser diferentes, si. Si, iso co que eu sempre me sinto tan identificado. A sensación de que cando chegas estás moi descolocado xa que ves encanto onde antes nin o imaxinaras. Ves mellores os produtos do que realmente son e tes unha sensación de que a elegancia e a finura baña case todo. Ben Italia, ben.

Fornaio Beretta, en Como, ás beiras do Lago
Fornaio Beretta, en Como, ás beiras do Lago

Foi unha viaxe curta, destas case relampo. Un pouco así de súpeto, catro días en diferentes cidades. Espremidos os mesmos ata a extenuación e aproveitados ata o límite de que cheguei cansado, satisfeito e cunha sensación de ganas de volver tan grande que incluso pensei que nalgunha daquelas cidades sería un bo lugar para vivir. E isto dito dun de Compostela, coa morriña a flor de pel… é moito dicir.

Xa despois do asentamento e da volta á rutina dinme conta, xa agora entrando en materia, de que as panaderías e pastelerías italianas non teñen un nivel xeral por enriba do noso. E agora falo de produto, e case aseguraría de que a calidade do pan está bastante por debaixo do mellor pan que facemos aquí. E tamén podería atreverme a dicir que a repostería non é mellor que a nosa. Algúns doces como o Panettone si que marcan a diferenza, os xeados ou elaboracións como o tiramisú. Si. Seguramente hai máis. Pero non están por encima doutros produtos típicos que se fan en Galicia. En canto aos salgados eles teñen as pizzas, que son fabulosas, pero nós temos as empanadas. Así que tampouco é que haxa tanta diferenza en calidades.

Pero claro, a cociña italiana é coñecida e valorada a nivel mundial. As pizzas cómense na meirande parte do planeta. As chapatas uns dos mellores pans valorados polos expertos. E nós, seguimos aquí. Orgullosos do noso produto, xa que tampouco coñecemos outros. Non, por que non nos interesamos polo que fan fora. Somos tan nosos, tan deste reduto inescrutable que se chama Galicia, tan amantes da materia prima que parece que xa non necesitamos de máis. E a cousa non vai diso. Os tempos cambian e os ollos teremos que abrir se queremos avanzar. En Italia vin como se presentaba o produto de maneira sinxela e elegante, como se potenciaba a venda rápida e eficiente. Como as tendas marcan un estilo propio dunha marca e a actualidade e a vida propia das cidades tamén se ve reflectida na maneira de vender e da diversidade dos produtos que hai nas panaderías. E algún esta a pensar que se para ver isto hai que ir a Italia… pois non o sei pero o que si que vexo é que eles o fan moi ben.

Que vos parece se seguimos a conservar a calidade do produto que facemos aquí e comezamos a pensar no marketing italiano?

Calidade, finura e elegancia… eu apúntome.