Pan da última fornada

José Carlos Capel

José Carlos Capel
José Carlos Capel

 

"Lo siento, lo siento. Todavía no he encontrado en España unos panes de sabor más profundo que los de Galicia." 
26 de xuño, vía twitter. José Carlos Capel

 

Si, claro que me alegrei ao ler isto. Incluso lle contestei en agradecemento a tan agradable mención para os nosos pans. A verdade é que as verbas dun dos críticos gastronómicos máis reputados do panorama nacional sobre o pan galego sentaron moi ben, non é doado que alguén con semellante repercusión nos recoñeza trazas así e poña en valor o que nós facemos.

Pero duns días para aquí a frase de Capel lémbraseme cun sentido máis alá do que seguramente estamos todos a ler. Posiblemente a el mesmo lle pase igual, totalmente inadvertido, xa que a oración merece un análise máis detallado, polo menos dende o meu punto de vista.

O tema semella escabroso na redacción, xa que unha análise da maneira máis obxectiva posible da frase sería empezar lendo a desculpa de José Carlos Capel antes de poñer en alza o sabor do pan galego con respecto aos outros pans de España .

A desculpa para a comparativa, a desculpa de “Lo siento, lo siento” con relación ao resto.

Quero pensar que simplemente é unha maneira de comezar un twitt, sen ir máis alá de sentilo realmente. Quero pensar que o señor Capel non se apesara de non atopar pans con sabores máis profundos que os de aquí. Quero pensar que non ten que poñer unha desculpa para poder dicir o que dixo a continuación. Quero pensar na valentía, na valía e na profesionalidade dunha das persoas referentes en gastronomía. Quero pensarque só é unha maneira de falar.

Señor Capel, alégrome que valore de tal maneira o pan que facemos aquí. Sen lugar a dúbidas que o que di marca a diferenza e estou totalmente de acordo pero... dende o orgullo, non dende a pena.