Pan da última fornada

E mañá a tele...

O equipo de gravación ó completo no obradoiro
O equipo de gravación ó completo no obradoiro

Non fai nin seis meses. Nunca o pensamos. Non o imaxinábamos. Nin se nos pasaba pola cabeza. Quen o ia a imaxinar?

A saída e a chegada. Que difícil é manterse. Tan complicado é chegar. Que valor ten coñecer. Un amigo na carreira. Unha idea. Máis amigos na vantaxe de axudar.

Non é que me poña poético, é que me apetecía introducilo post dunha maneira... dunha maneira diferente.

Sitúome nunha cena o día 30 de abril. O día seguinte era festivo. Fun cear cun grupo de amigos. Entramos nun restaurante da zona vella de Compostela e enriba da barra un exemplar de La Voz de Galicia. Nunca o esquecerei. Na contraportada viña unha reportaxe da Panadería Moscoso Moure cunha foto na que saiamos meu pai e máis eu. Eu xa mercara á mañá varios periódicos como ese. Pero simplemente verme novamente, foi incrible. Os meus colegas non se puideron resistir a pedírllela contraportada ós do restaurante e levala con nós de noite por Compostela. Nacho Mirás Fole tivera algo que ver.

As noites de Compostela, as noites de Compostela e as noites cos amigos. Cos amigos... as noites, os días, as ceas, as comidas, en fin o de sempre. Momentos e sensacións, xa falei disto anteriormente.

Mediante un correo póñome en contacto con Jorge Guitián, autor do fantástico blog Diario del Gourmet de Provincias y del PerroGastrónomo. Nun dos seus post falaba da baixada da calidade do pan en Compostela. Argumentaba e explicaba perfectamente a súa sensación e a min entráronme moitísimas ganas de coñecelo persoalmente. Así que me puxen en contacto con él e sorpendentemente para min contestoume e veu visitala panadería. Aínda máis,  publicou dous posts sobre nós e viñeron el e Anna a traballar unha noite ó noso obradoiro. A súa última publicación apareceu un sábado, eu estaba de vacacións en Palma de Mallorca. Non me deixaron que a lera, senón que ma quixeron ler en alto e que eu só escoitara. Simplemente por quen foi o que a leu e o que dicía Jorge de nós foi incrible.

Ao voltar de Mallorca, animáronme e fun a San Sebastián, xa vos contei a historia, pero animáronme por que se non fose así eu non houbera ido.

E fai un par de semanas chama por teléfono Angelika Stucke. Comenta que traballa nun programa chamado Weltreisen da primeira canle da televisión pública alemá, Das Erste ARD. Están facendo un documental sobre a Cociña do Camiño e queren vir á nosa panadería a gravar como se elabora unha empanada galega e o pan de Compostela. Realmente podédesvos imaxinar a sorpresa que foi para nós que unha canle alemá se puxera en contacto cunha panadería artesá de Santiago e que ademais quixeran vir ao noso obradoiro a gravar. Encantadísimos, concretámolo día e a hora.

O martes 16 de outubro entra pola porta da panadería Angelika cun sorriso que inspira amabilidade e confianza como poucos. Atrás veñen Julio, Javier e Jörg. Desenfundan tódolos aparellos e intentamos explicarlles o momento do traballo no que nos atopábamos para que así puidesen organizala gravación.

Empezamos gravando o empiruchado do molete e o enfornado do mesmo. Por pouco temos un bo contratempo, xa que o individuo que manexaba a pala, é dicir eu, case lle larga unha boa sacudida co mango da mesma a un deles. Pero bueno, de reflexos andan moi pero que moi ben.

A continuación fóronse con Chus, miña nai, a ver a elaboración das diferentes zaragalladas das empanadas. Nunca pensei que miña nai tivera tanta soltura diante das cámaras!

Novamente voltaron con meu pai para ver o amasado das empanadas de millo. E así se foron intercalando entre cociña e obradoiro para ver as diferentes partes das elaboracións.  Tamén viron quitar o molete do forno, tomaron un pouco de polbo con barras artesás de masa nai, falamos de pan galego, de pan alemán, de fermentacións, do Camiño... e por último estiramos a masa das empanadas e as elaboramos. As de millo fixémolas de zamburiñas e de polbo, e as de trigo de polbo, bacallau, bacallau con pasas e de zorza. Nun dos intres da gravación, Javier (o cámara) pregúntalle a Jörg (quen organizaba a gravación) se lle ía ben o plano e Jörg contéstalle que debía de ter moitas ganas de comer as empanadas xa que os planos estaban a ser fantásticos. A verdade estaba sendo unha auténtica gozada. Tomamos un albariño mentres cocían as empanadas, gravaron a saída do forno e despois, como non, degustámolas.

Penso que lle encantaron, Jörg cando as probou dixo “Esta es la mejor comida que he probado durante todo el Camino”, non teño moito máis que dicir, simplemente incrible.

Encargaron empanadas e Pan da Moa para o día seguinte, antes de marchar para Madrid. Viñeron o mércores e levaron o encargado, realmente eu tiña a sensación esa da importancia das sensación e dos momentos. Dos momentos e das sensacións. Das sensación que fan que os momentos sexan inesquecibles. Bueno, xa sabedes, xa falei diso.

Pero aínda máis, veu traballar con nós o aprendiz Julio, Julito para todos os da casa. E detrás dunha cámara estaba retratando todo Dani. E volta ós momentos e volta á encontrar sensacións.

Acabo de chegar á casa. Veño de comer con tres amigos. Julito, Dani e Lelé. E necesitaba escribir. A ver se os grandes protagonistas de todo isto van a ser os meus amigos?

Sensación e momentos. Momentos e sensacións.

Realmente incrible.