Pan da última fornada

O momento do pan...

Chegou a hora. Levo demasiado tempo sen me sentar a escribir, pero chegou a hora. Demasiadas cousas que teño para dicir e demasiadas cousas pendentes que nunha soa publicación se farían demasiado longas e pouco dixeribles. Así que ao caso. E o importante agora, é o pan.

A humildade do produto auténtico é difícil que faga que realmente se lle outorgue unha presenza que a moitos de nós nos gustaría. A humildade do mesmo fai que todo aquel que queira pode acaparar e intentar tapar a esencia del, para poñer en portada outras tantas cousas que non pagan a pena. A humildade é tan sinxela e potente que fai do pan un algo imborrable, un algo esencial na vida da xente xa se fixera dunha ou doutra maneira. O pan é un produto humilde que non entende nin de clases sociais nin de mesas nin de manteis. Só cabe nel aquela impresión de ser tan potente que pode estar en calquera lugar, de calquera maneira que a súa presenza é imborrable dende a discreción dos que sempre saben estar. Isto lévame a unha conclusión moi clara, que non sei se estarei ou non equivocado, que  aqueles que realmente queiran elaborar este produto acorde ás súas esencias teñen que levar impreso a humildade como marca identitaria nas súas mans e na súa personalidade.

Aquí  en Galicia o pan sempre foi de relevancia. O pan galego marcouse como referente dende hai tempo e ao igual que hai cousas que non as facemos ben, o pan é unha das que temos que estar moi orgullosos. Hai moito problema en dicir que aquí fanse algúns dos mellores pans do mundo? Pois máis que contentos deberiamos estar. Seguramente isto non o debía de dicir eu, pero xa sabedes que tamén un pode imprimir o dereito de escribir o que pensa.

O pan é un ben patrimonial de Galicia e dos galegos, un valor que non debemos de deixar a un lado xa que é un referente de gastronomía e un referente da identidade e da maneira de ser dun pobo. Somos terra de muíños, grans de millo e de centeo, dos trigos escuros e intensos. Somos parte da terra verde que fai que as esencias empapen todo aquilo que facemos que ven dunha labranza e dunha colleita. Non se pode ser indiferente á leña de quencer os fornos que cocen esas masas de auga, esas masas que acarician as mans desas xentes que falan con elas mentres chove fora. Somos identidade dun pobo que ten sabor a sal, a terra e a aquelas masas dos que algúns din que son imposibles e nós dicimos que son as nosas.

O oficio nace nos obradoiros de familias que gardan a tradición do saber, que aínda que moitas veces non saben dicir o que fan saben o que están facendo. Isto somos nós, os panadeiros de esencia e de raza do pan galego. Aqueles que facemos o pan co corazón nas mans simplemente coa honra da humildade.

A grandeza dun pobo non só se mide polo que fixo, senón por aquilo que soubo conservar.

Comentarios

Parabéns pola páxina Guillermo….Coincidimos na afección polo pan…, o noso pan é dos mellores do mundo e iso é porque tra-los fornos hai xente coma tí…panadeiros de raza…os demáis solo somos aficionados anida que fagamos un pan comestible na casa…Lumeee !!!
http://eloychef.blogspot.com.es/2013/09/pan-de-centeno-1906-pero-hasta-c...