Pan da última fornada

O pan nos eventos gastronómicos...

Hai unha importancia constante e cada vez crecente que temos que empezar a cuestionar e a ter en conta. Dende xa fai anos os eventos gastronómicos empezaron a gañar cada vez máis relevancia e as grandes feiras de diversos sectores como por exemplo, a que a nós nos certifica, vanse vindo un pouco máis abaixo xa que os custes de montaxe e mantemento son demasiado altos para os sectores que a montan. Anos atrás, as cifras que se manexaban a finais de ano en canto a facturación eran moito máis altas que o que se dan nestes momentos, e as grandes industrias, sobre todo de maquinaria e provedores de diferentes materias primas tiñan un poder adquisitivo que era capaz de apostar por facer este tipo de eventos. Pero está claro que a cousa cambiou. E isto o panadeiro debe de ser consciente,  xa que a difusión do oficio e do produto hai que seguir a facela dunha ou doutra maneira.

O esforzo penso que paga a pena. No senso de que a visualización do produto en eventos importante é moi interesante xa que se está feito de maneira conveniente o pan e o panadeiro vanse a ver reforzados no senso da calidade e da identificación do posible consumidor cara ese tipo de produto que está vendo nestes lugares ao carón doutros que son sinónimo de calidade.

Aí é a onde quero eu chegar, temos que conseguir que o pan artesán galego sexa sinónimo de calidade e o temos que facer dunha maneira correcta. Por iso mesmo as empresas tamén deben de apostar por esa maneira de mostrarse ao consumidor en escaparates como os que estamos a falar.

Para isto debemos de escoller perfectamente os eventos que son significativos de calidade, xa que todo vai relacionado e nós queremos que o pan comparta lugar con outros produtos que vaian na mesma liña. Así as panaderías teñen que empezar a pensar que deben de implicarse e pagar os stands para poderse visualizar. De ter xente que saiba explicar a elaboración, beneficios nutricionais, as duracións, as maridaxes… dos pans que están a mostrar.

O Viñerón 2013 foi un dos exemplos de éxito e complementariedade entre viño, pan e outros produtos galegos
O Viñerón 2013 foi un dos exemplos de éxito e complementariedade entre viño, pan e outros produtos galegos

Sempre intento implicar primeiro ós panadeiros e facer saber que son eles os que teñen que apostar por esta e outro tipo de difusións. Pero non me esquezo dos organizadores destes eventos. E concreto, en febreiro deste ano celebrouse en A Coruña o Forum Gastronómico. Este é un dos mellores escaparates que hai a nivel nacional de gastronomía en xeral. Dende as materias primas aos profesionais que elaboran coas mesmas os tan prezados produtos. Pois ben, a organización do Forum anunciou que terían un mercado de pans artesáns. A realidade é que non existía tal. Había dúas empresas de pan industrial, unha galega e outra portuguesa que si que tiñan un posto cada unha no Forum. E o único pan artesán que se tratou no evento foi o que elaborou o amigo Eladio de Panadería Divina en relación ao que se podía facer coa Auga Mareira que é unha empresa que se adica a comercializar auga de mar para facer distintas elaboracións.

Tiven tamén a posibilidade de asistir a unha cata impartida por Miguel Vila chamada "Cata de panes y quesos" na que se lle esqueceron os pans, xa que nin se mostraron e moito menos falar algo deles.

En fin, eu levei unha pequena decepción de que un evento tan ben feito e con esa importancia non se falara nada de pan galego, nunha terra coma a nosa na que todos somos conscientes da importancia do mesmo.

Tamén son consciente de que a organización do Forum si que intentou que o pan estivera presente, Pan da Moa foi unha das panaderías coas que se puxeron en contacto, pero os prezos que pedían polos stands eran moi altos. Xa que hai que ter en conta que o pan debe estar fresco nos postos, e isto significa que se os panadeiros queremos calidade debemos de poñer o pan cocido no día. Deben de ter en conta que se o pan sobra non se debe de poder vender o día seguinte, e moitos produtos dos que alí estaban tales como aceite, conservas, viño… non teñen esta problemática. Deben de ter en conta o esforzo que significa para unha panadería de outro punto de Galicia ter a mercancía a unha hora concreta na Coruña, e que significa iso nun proceso de produción. Penso que deben de ter en conta que o pan é un produto singular e o deben tratar como tal. Sen dúbida que botei  moito en falta o pan artesán no Forum Gastronómico.

Aínda con todo pido implicación á panadería artesá xa que temos que mostrar o mellor do pan galego nos lugares que haxa unha boa visualización para tal cometido. Eu coido que non vai a ser unha tarefa demasiado difícil que o pan e os eventos gastronómicos se poñan de acordo. Ou polo menos iso desexo. 

Comentarios

O taller de cata que eu presentei estaba ligado ao mercado do pan e o queixo. Todos os presentes no mercado estarían nese taller.
Si no taller so se presentaron queixos foi porque no mercado so había queixos. Queixos que ademáis despois estiveron nunha segunda cata dunha marca que non ven a conto citar, cata na que tamén estaba previsto que estiveran os panadeiros presentes no mercado.
Ademáis os expositores do mercado estaban autorizados a vender os seus productos. Penso que a participación no Forum lles saiu moi a conta.
Pero a única panadería tradicional que quixo participar no Forum preferiu facelo fóra do mercado.
Se os panadeiros non están dispostos a un mínimo esforzo para promocionar o seu negocio ¿cómo pretenden que o faigan de balde os demáis?
Eu vou seguir dando guerra co pan galego... e de balde. Como faigo dende hai moitos anos. Como fixen onte mesmo na Cidade da Cultura e hoxe reflicte El Correo Gallego. Inda que ás veces acabe profundamente decepcionado pola actitude dos panadeiros.

Miguel posiblemente ese último comentario que fas de que as veces acabes profundamente decepcionado pola actitude dos panadeiros ten algo que ver con esta entrada do blog.
Primeiramente dicirche que esa non é a miña intención, totalmente ao contario.
En segundo lugar que do que falo na entrada é de que os panadeiros debemos de implicarnos neste tipo de eventos e na difusión do produto. Pido que o noso sector se implique en eventos de importancia e de repercusión da calidade do que se mostra nos mesmos.
En terceiro lugar reflicto que no Forum Gastronómico estaba anunciado unha cata de pans e queixos que ti impartías, nada máis lonxe da realidade, os pans non existiron nesa cata. Agradézoche persoalmente a explicación das razóns polas cales non había pans na cata.
En cuarto lugar, eu sei (e seguro que ti tamén) os importes que se pedían por ocupar os stands. Sei perfectamente que o produto se podía vender. Pero ti tamén es consciente de que o pan é un produto particular na duración do mesmo e no proceso de fabricación que é diario. O sistema de fabricación e a implicación que ten o noso oficio. Entendendo isto, entenderás a razón de que ningunha panadería artesá estivera no mercado do forum.
E finalmente discrepo contigo que os panadeiros non estemos dispostos a facer un mínimo esforzo para promocionar o noso negocio. Ti es consciente e sabes do evento de Con Moita Miga que se celebrou a finais de xaneiro na Cidade da Cultura.
Pero de todas maneiras, os panadeiros, e a nivel particular valoro moitísimo o labor que fas ti en defensa do pan galego. Isto o sabes porque díxencho a ti persoalmente, e agardo que o continúes a facer.
Ademáis o estás a demostrar tomando a molestia de ler e contestar o blog dun panadeiro.
Grazas Miguel.

Non é o teu post a causa da miña decepción, Guillermo. A verdade nin ofende nin decepciona.
Coñezo o coste dos stands do mercado: os máis baratos do Fórum. E con moita diferenza. O prezo non é un argumento válido para non estar.
Persoalmente preocúpame o bo pan entre outras cousas por puro egoísmo, porque o día que nos falte teremos perdido una parte importante da nosa cultura.
Que o Fórum está interesado no pan ben o sabes. Agora o que tedes que facer os panadeiros, especialmente os que apostades polo futuro e non pensades únicamente na caixa do día, é dar un paso adiante e facer propostas. Estou convencido de que os organizadores as van acoller con interese. Non agardedes detrás do mostrador a que vos vaian buscar.

O precio é un problema sempre que a conciencia do panadeiro lle diga que non vai a ser capaz de afrontalo. Enton niso penso que o Forum debe de lle dar unha volta máis para poder captar a atención das panaderías. E o digo facendo caso o que dicías ti de que o Forum interésalle o pan galego.
Con todo isto interpreto que estás a tender unha man como axuda a facer cousas interesantes polo pan, pedindo a nosa implicación. Pois xa sabes que dende este lado non vai faltar esa colaboración e propostas.
Ben sabes que os panadeiros non imos quedar atrás do mostrador a agardar que nos veñan buscar. Somos os protagonistas e os que temos na man que o pan se faga a valer.
Gracias Miguel.