Pan da última fornada

Oficio e produto...

Este blog vai para dous anos. Dous anos moi intensos cheos de vivencias e de actividade. Un blog tremendamente humilde que permitiu difundir aínda así o meu pensamento persoal sobre moitas circunstancias do mundo do pan. Ségueme a sorprender que a xente pare a ler un texto onde o único que explico é a miña maneira de ver unha realidade sempre baixo a miña perspectiva. Non deixa de sorprenderme. Incluso denoto que algo do que escribo ten relevancia ou tan sequera, considérase importante por algún no mundo da panadería. Iso sorpréndeme máis. 

Non máis lonxe da realidade hai que decatarse que pouca transcendencia pode ter, pero sumado a todo o que se fai polo pan, pois de seguro que algo pode axudar.

Un dos pequenos pasos dados no sector. Con Moita Miga organizou, con gran asistencia de público, as primeiras xornadas profesionais do pan galego
Un dos pequenos pasos dados no sector. Con Moita Miga organizou, con gran asistencia de público, as primeiras xornadas profesionais do pan galego

Continúo a me erguer moi cedo a traballar practicamente todos os días do ano. Penso na panadería as 24 horas do día. Son o presidente da Asociación Cultural Con Moita Miga que foi a organizadora da Primeiras Xornadas do Pan Galego. Falo case a diario con panadeiros de moitos lugares para intentar mellorar o oficio e o produto. Intento axudar en formación a quen mo pide e a quen desexa realmente aprender o pouco que lle poida eu ensinar. E non sei que pasa, pero non chega.

Cando naceu este blog, en Mallorca na compañía do outro administrador do mesmo, Dani, tiña a esperanza de que máis xente de Galicia se unira ao movemento do pan, do pan artesán, do bo pan, que custara algo menos. Pero a realidade sempre pon a cada un no sitio, e percibo pouca xente nova con iniciativa e ganas de facer cada vez máis cousas. Vexo bastante xente que si que está a espera de ver que se fagan cousas pero non de facelas por si mesmos. E sen dúbida que iso é moi diferente. 

Vexo que hai veteranos no oficio que non queren deixar paso e axudar as novas xeracións. O concepto de panadería ten moito que cambiar, seguramente que se os novos non teñen os apoios da xente que máis experiencia ten, pois a tarefa aínda vai ser máis complicada do que é. 

Vexo moita ruptura no sector profesional da panadería. Descubrín, dende a organización do evento, dunha corrente enfrontada entre moitas das asociación profesionais. Moitos intereses ocultos que se escapan da mellora da panadería, e moitas envexas e posta de atrancos para quen intenta facer algo polo oficio. 

Hai xente que dende fóra da panadería pode axudar, aportar novas ideas e novas maneiras de facer as cousas. Pois temos que darlle entrada, e eles que vexan que se teñen iniciativa propia este é un sector con multitude de posibilidades. 

Sinto que a miña ollada de hoxe non sexa tan optimista coma doutras veces, sinto. Pero tantos obstáculos hai veces que cansan. Tamén saben os que me coñecen que non son dos que se resignan ou tiran a toalla. Ao contrario, déronse pasos. E tamén estou seguro que isto non acaba máis que comezar. 

Só pido que se aposte polo oficio e polo produto. E oficio e produto son dúas palabras tan potentes que deberían de incomodar a moitos con só escoitalas. 

Eu mentres tanto seguirei arreo. 

Oficio e produto.