Pan da última fornada

Panadeiro por un día...

Os panadeiros pillados coas mans na masa
Os panadeiros pillados coas mans na masa

De seguro que non son a mellor persoa para opinar. Pero a min, a fin de contas, encantoume.

Levo anos falando con xente, recibindo e atendendo visitas. Ensinando o que facemos no noso obradoiro tanto a profesionais como a xente curiosa por este oficio. E a conclusión á que chego sempre é que o que máis gusta e impresiona é a sinceridade. Non deixa de me sorprender. Falar con sinceridade do que se fai, ensinalo con toda a franqueza e demostrar que para facer un bo pan non hai máis ciencia que a honestidade, as materias primas, o saber facer e o tempo. E repito, sigo a sorprenderme, cada día máis de que a sinceridade sexa o que máis mola de todo.

As prazas estaban esgotadas dende facía tempo. Significa que a xente si que ten un interese polo mundo do pan. En Con Moita Miga xa fomos conscientes.

E nada sen máis ciencia e complicación, o que fixemos foi aprender a facer pan. Sentirmos panadeiros por unha tarde e entrar de cheo nunha mini xornada de traballo dunha panadería. Amasamos a man e esa masa, cada “panadeiro por un día”, levouna para cocer na casa. Mentres formamos, fermentamos, cortamos, incluso empiruchamos unha masa que xa previamente amasara eu. E sen máis. Todo moi simple, moi sinxelo, moi de poder facer na casa.

O ambiente dos aromas, do tacto, de ver esas masas…  Masas dun 80% de hidratación, o menciono por que trataron masas dun 80% de hidratación (aí o deixo). E saíu pan, un pan con nome e alma de cada un deles. Os “panadeiros por un día” deixaron a súa pegada para sempre no I Obradoiro de Pan da Moa.

Simple e sinceramente, grazas.

Comentarios

Grazas a ti, Guillermo! Foi toda unha experiencia traballar no obradoiro de Pan da moa, coñecervos, cocer nun forno profesional e meter as mans na masa. Xa teño gañas de repetir!