Pan da última fornada

Razón de máis...

Nunca me gustou demasiado escribir o título antes que o texto. Encerra un pouco na temática, cousa que non é doada para min. Pero hoxe empecei por aí. O título, Razón de máis, fala desas veces que se che presentan oportunidades. Daquelas situacións que por veces as deixaches pasar e uns días, meses ou anos despois arrepínteste por non montar nese vagón que tanto dubidaches de subir ese banzo que o separaba do chan.

Un dos momentos vividos durante a viaxe a San Sebastian, en The Loaf, con Egoitz, Maypi e ao fondo David "el Sevilla" e Dan Lepard. Todos eles con diferentes visións do mundo do pan
Un dos momentos vividos durante a viaxe a San Sebastian, en The Loaf, con Egoitz, Maypi e ao fondo David "el Sevilla" e Dan Lepard. Todos eles con diferentes visións do mundo do pan

Pois si, eu afortunadamente estou xa nese vagón. Non sei como sairá todo, pero seguro que a viaxe será tremendamente emocionante. E iso, a día de hoxe... que tales días como os que estamos a vivir se presenten viaxes a algures ou a ningures, en fin, viaxes motivadoras nas que a liturxia dos nervios e os medos palpen cada instante. Claro, como entenderedes, non podía dubidar subir o chanzo que me montara no tren que parte de Compostela e chegará ata o meu obradoiro.

Algún de vós estarase a preguntar de que estou a falar. Claro, realmente moi pouca xente sabe algo do que digo. Pero iso, verase co tempo, iso o iredes descubrindo co paso dos días e dos meses. Pero a finalidade da entrada de hoxe non é esa, a finalidade ven a falar que dende moitos ámbitos da sociedade, dende outros moitos aspectos alleos as tarefas cotiás, témonos que relacionar. Temos que crear as sinerxías suficientes e eficientes como para crear unha sociedade activa e poder promover unha sociedade participativa e dinámica que nos axude a saír da nube negra.

Eu o descubrín dende o pan. Vin que hai mundos diferentes pero que buscan finalidades semellantes. Os fins de dinamitar a realidade social na que vivimos e de construír unha nova. Unha nova na que a xente do común, os xóvenes e seguramente tódolos tipos de persoas que existen e están por existir, sumen. Ver que pode haber un futuro. Unha perspectiva diferente, unha maneira de sentir e de vivir propia de cada un e que o mesmo tempo sexa apta para convivir nun momento que a esperanza deixe de ser esperanza e se converta en realidade.

Non quero que isto pareza un mitin. E que acabo de ler todo o escrito e parece que pertenzo a un partido político. Pois non. Falo realmente do que sinto e o que me leva a traballar no meu oficio cada día con sensacións. Sensacións que non deixan de transmitir continuamente que temos a obrigatoriedade de movernos e de seducir. Si, seducir. Si, cativar co que nós facemos. Na función que desempeñamos na actualidade. Todo ten unha parte fermosa e atractiva que se a sabemos promover dará como resultado que moita xente siga o que estamos a facer. Que a moitos lle poida gustar, e como resultado, na maior parte das veces, axudar. E isto que supón, pois o que estabamos a falar anteriormente, a creación de sinerxías entre persoas diferentes con actividades na meirande parte das veces, distintas.

A min, o pan e a panadería regalan o tacto e o gusto polo que fago. E dun tempo a esta parte penso que teñen moito máis que ofrecer. Sendo sincero, e falando tan claramente como sei, sinto que o futuro preséntase prometedor.

Pero o futuro obriga e arrecuncha a tomar riscos. A vivir días intensos e días cargados de problemas que solucionar. Hai quen di que os anos se poden encher de vida ou a vida se pode encher de anos. Eu escollo a primeira parte, agardo que entenderades que é RAZÓN DE MÁIS montar nese tren.