Pan da última fornada

Romanticismo do pan...

Estou diante do ordenador. Antes de comezar a escribir vexo as miñas mans encima do teclado. Repentinamente a idea que tiña para este novo post desvanécese por completo. Foron uns vinte segundos mirando para unhas mans que me parecían estrañas. Diferentes. Vexo unhas mans grandes, curtidas e anchas. A pel está agretada e presentan cerca das uñas algunha rabuñadura. Están moi limpas, coma sempre, pero están vellas con respecto a fai pouco. Pero si que podo dicir que son mans panadeiras ou polo menos quero que o sexan. Son fortes e teñen unha curta vida no oficio. Vai para nove anos.

O tempo pasa rápido. Moitas veces como se non te deras conta. Pero pasa. E paga a pena pensar no camiño que toman as cousas, no momento actual e no período percorrido ata hoxe. 

Sempre o dixen, e por agora non mo van quitar da cabeza. Ser un bo panadeiro é un oficio para románticos. Si que os grandes avances, maquinaria, cámaras de frío, cámaras de fermentación controlada... deron a posibilidade de entender esta profesión de outra maneira. Dunha forma que non sexa tan escrava e cunha liberdade de horarios que fixo que a vida da xente que traballa no sector mellorara de maneira inequívoca.

Agora contrólanse moito mellor os procesos. Mídense as proporcións das receitas. Trabállase con tecnoloxía de frío, de calor. Informatízase todo. E comézanse a entender os procesos químicos que están a ocorrer nas masas. Isto é fantástico. É a clave da mellora segundo a miña opinión. Control, estudio e coñecemento. Pero, sinto moito, e sempre llo digo a todo o mundo que ven a aprender ou a compartir opinión ao obradoiro, con iso non chega.

E vexo que a xente comeza a estar preparada, que se crean pans moi innovadores. Moitas veces con mesturas de ingredientes que fai uns anos non se nos pasarían pola imaxinación. Con formas sofisticadas, coccións moi diferentes, codias crocantes... o pan está a vivir un momento de descubrimento e potenciación. É un aliciente para a xente e noto que moitas persoas tamén se queren sumar a este oficio. Iso, de verdade, motívame moitísimo. Pero non chega.

Aprendín unha cousa durante estes nove anos. Levantarme cada día as catro da mañá, aprender en cada momento, estudalos procesos, asistir a cursos, falar con moita xente relacionada co sector, traballar durante moitas horas, facer infinidade de probas, visitar outras panaderías, outras cidades...isto todo é clave, é boísimo, pero non chega.

E agora vénseme a cabeza outra imaxe. As mans de meu pai. Cando te levantas tódolos días a traballar dáste conta dunha cousa. No oficio fai falta talento, mans e paixón. O talento para crear, as mans para manipular as masas co tacto dos mestres e a paixón para seguir profundamente namorado dunha profesión que segue a ser dura, difícil e custosa pola dedicación que pide e que por agora segue a ser estritamente necesaria.

Non sei por que, pero volven a miña cabeza as mans de meu pai. Dáme a impresión que con iso si que chega.