Rosca de Pascua...
Posiblemente para escribir esta entrada falte moita información. Seguramente debería de xuntar unha gran cantidade de documentación para que fose realmente didáctica e veraz. Pero hoxe non é a miña intención. Só pretendo facer notar un produto que me dá medo que se nos escape. Dáme medo que parte inherente da miña vida este cambiando. E dáme medo que se perdan praceres terreais inequivocamente singulares e característicos do noso nicho gastronómico, canto menos do meu
Si, esas que se fan case tódolos domingos do ano. Si, as que se fan en reis decoradas con froita confeitada e con sorpresas no interior. Si, esas que se toman co café da mañá ou co chocolate da tarde. Si, esas que valen para o almorzo, para a merenda e se apuras a xogada ata para a cea cun pouco de leite.
Sempre falo de que a sociedade galega debe de avanzar. Debe de abrilas portas e os ollos ao mundo e interrelacionarse con el. Debemos de conectar co exterior para mellorar e seguir evolucionando e aprendendo de como vender o noso a outros lugares. Esa valía da exportación do que nos facemos, valorado debidamente e vendido de forma intelixente e sutil. Vendido da maneira que somos os galegos.
Claro. Pero con respecto ao anterior eu acordo cando era un cativo que en Compostela na Pascua non se levaban os ovos de chocolate nin as monas. Falamos de tradicións da zona nordeste do Mediterráneo peninsular que entraron en Galicia pois, con moita forza, seguramente fai quince anos. Lembro que os agasallos dos padriños era unha Rosca Doce.
Acordo que Galicia era terra de doces de manteiga de vaca cocida que as veces, moitas diría, se mesturaba con manteiga de porco. Non minto se ovos eran parte principal, e as raiaduras das mondas contundentes das laranxas e dos limóns do país. Os anises. Azucre e sal. E os “formentos” como se lle chama en case tódalas panaderías aos fermentos. Fariñas dos trigos da zona de Aragón que parece que tiñan máis forza que os de Castela, e tempo.
Non perdo imaxe das trenzas, os tres paus que se alternan cada un no seu momento como se fosen as trenzas das nenas antes de ir a escola. A masa que da ganas de comela xa antes de ir o forno. E ese arrecendo dun obradoiro cheo de Roscas fermentando, cheirando a anís, limón, e a masa doce léveda.
As imaxes resultantes cando ao saír do forno teñen esa presenza impoñente de doce de tradición, do azucre con anís que vai por riba e que estimula ao apetito lambón.
E eu agora, xa dedicado por enteiro ao meu oficio tamén fago os ovos de chocolate, as monas e ata agora combino as tortas con ovos como se fosen a mesma elaboración. Tamén me sumei á moda mediterránea, pero penso que esta entrada no meu blog era estritamente obrigatoria. Estritamente necesaria xa que a min non me regalen ovos de chocolate, nin monas, nin tortas, nin roscas de mantequilla dun so pau propias de pastelería.
Para min, en Pascua, as Roscas que se fixeron sempre na miña casa. Para min as Roscas que me acordan, as Roscas Doces de Compostela.
Comentarios
eu tamén! por iso aprendín a facela, sen referencias, e agora as miñas sobriñas e afillada xa saben facela. así poden escoller que queren.