Pan da última fornada

A soidade das dúas da mañá...

 

- Mira Diego, os panadeiros fan os fillos nos descansos das escaleiras, cando o panadeiro sube a descansar e a muller baixa a despachar.

 

Pois posiblemente reflectira nesta frase moitas décadas de panadería, de maneiras de entender e atender a panadería. De levar miles de noites de amasadas e de quebracabezas para facer o mellor pan posible ou polo menos o pan que el tiña na cabeza, o pan que el quería facer.

Pero posiblemente non del mesmo, senon que coido que esa frase mostra o que foi a panadería da meirande parte das familias panadeiras de toda Galicia.

Eu non coñecía persoalmente a José Luis Miño, si que tiña moitas referencias del. Pero ata o de agora, ata que se realizou o evento de Con Moita Miga, nunca falara con el persoalmente.

Momento no que a familia de José Luis charla no escenario de Con Moita Miga
Momento no que a familia de José Luis charla no escenario de Con Moita Miga

O problema da claridade é que non sempre se fan amigos, máis ben ao contrario. Dicir as cousas que non se queren oír sempre trae consecuencias que co paso do tempo xa se enmarcarán elas mesmas nos sentidos positivos ou negativos. E xa contaba eu con elas, que se Con Moita Miga era capaz de traer a José Luís Miño para unha charla íanse a bifurcar os apoios cara este evento. Aqueles que idolatran a José Luis e aqueles que simplemente o seu nome xa crea un certo desasosego ou polo menos inquedanza.

Está claro, cada un ten neste mundo os seus amigos, pero o problema é que nós queriamos traer ao evento unha das mellores familias de panadeiros de toda Galicia, e aí si que eu non admito discusións. Estou seguro que acertamos rotundamente.

Falabamos non hai moito da necesidade da renovación do sector, da fortaleza que debemos ter aqueles que intentamos facer un produto dunha calidade diferenciadora e superior. Das miras da información e da formación, como el sempre repite. Dos intentos de facer que este oficio gane o respecto que merece e que o pan se valore dende o produtor ao consumidor. Falabamos das sinerxías que deben de existir entre os panadeiros e os fariñeiros, da conciencia de que os panadeiros tamén son empresarios e deben de investir nos seus obradoiros, sendo así modernos e acordes as calidades e os sistemas de produción que queremos para o pan que facemos. Disto e de moito máis falamos uns cantos panadeiros que o imos intentar. Sen lugar a dúbidas que o imos intentar.

Lembro a primeira vez que visitei a súa panadería, veu a recibirmos e saudoume un tanto frío. Un tanto desconfiado pola miña presenza en canto a ver que podía querer eu del. Eu íalle pedir que asistira como poñente a Santiago. Ben, esa sensación non durou máis de cinco minutos. A partires de ese tempo, coido que esa posible desconfianza (falo sempre dunha impresión miña) tornouse no comezo dunha relación dun excelente panadeiro cun rapaz con moitas ganas de aprender.

Empezo a escoitar demasiadas veces entre os panadeiros afeccionados que non é difícil facer pan. Estou de acordo, cunha matización. Algúns pans son moi difíciles de facer, como por exemplo os que fai este señor. E aí eu si que entendo a soidade das dúas da mañá. Por iso quería aproveitar que a xente que fai pan na casa tamén debe ter certa precaución coas valoracións que fan. Pero sobre isto haberá outro post.

Moitas grazas José Luis.