Pan da última fornada

Tradición...

Hai días de saudade, hai días que un non sabe ben por que se sinte máis parte da terra e se cabe máis reinvindicativo e defensor de seu e do noso. E hoxe gustariame marcala diferencia sen ningunha intención de confrontación. Pero coido que é necesario. E agardarei ese día que non sexa preciso nin dicilo nin escribilo, agardarei ese día que sexa palpable cando falemos dun oficio que nos peretence xa que é parte da pel do pobo onde nacín.

Estes días levo falando con moita xente tremendamente interesante, e en verdade comento que está conmigo a esperanza de que chegue ese día. Que estou seguro que moitos non chegarán nunca a entender, será imposible. Non se pode ver as estrelas se non hai ollos que queiran mirar o ceo a carón do mar e a fraga onde nacemos.

E destas conversas, saquei moitas conclusións. Moitas maneiras de mirar, moitas formas de ollar un futuro e presente para aqueles que se levantan de noite e se deitan cando rematan de cocer. Para aquelas que fermentan nas artesas de madeira, que sinten as mans que sinten e ofrecen o sentir  dos que sentiron.

A auga, a fariña e os fermentos non din moito para nós. Non contan ata que nós susurramos o que queremos. Pero falamos baixiño, non gusta que se nos escoite. É un dialogo privado e quedo onde ela nos conta o que quere e nós transmitimos. Ai, nós transmitimos. Esa é a clave. As musas dos panadeiros non deixan de ser esas que parecen intratables e se volven melosas e cariñosas só para nós. Como dicía aquel, para moitos, quen puidera namorala.

O pan Gran Reserva Tradición Galega da nosa panadería é un dos mellores reflexos desta tradición e dese boa transmisión de sentimentos entre panadeiro e pan
O pan Gran Reserva Tradición Galega da nosa panadería é un dos mellores reflexos desta tradición e dese boa transmisión de sentimentos entre panadeiro e pan

Pero é nosa, e dicíanmo o xoves pasado. Noso é o lar onde naceron as esencias impresas na tradición dunha maneira de ser e dunha forma de entender o que facemos. Non se pode ensinar iso, se ten ou non. Podemos estar a falar de porcentaxes, tempos, fariñas e moito máis. Pero o  fluir e a noite do obradoiro non se pode ensinar. Non quero excluir a maneira de aprender, pero non chega con saber, hai que imprimir as pegadas da tradición que algún día nos farán despertar da maneira que nós só o sabemos facer. O estilo dos calados e o estilo dos que nunca dan importancia o que fan xa que non se lle pode pór relevancia no que nós consideramos normal.

E deixádeme que repita novamente estas palabras. Ese día. Ese día chegará dende a tradición, aquela que simplemente marca a diferencia.

Comentarios

Encántanme as túas verbas e a pasión que espertas polo teu oficio. Son unha apaixonada do pan, pareceme unha ciencia, que con fariña, auga e fermentos se poida facer tanto, que a combinación deses elementos sexa tan misteriosa. Encántame ver medrar o pan e achegarlle a orella á masa nai e escoitar como está viva. Descubrinvos fai pouco e non vou contar como, o que sei é que cando vaia a Santiago farei unha visita obrigada.
Un saudiño