Pan da última fornada

Unha historia compartida…

Vai para tempo que levo pensando e matinando sobre o pan e o futuro do mesmo. Levo coidando en demasía moitas situacións que a maior parte das veces non me gusta contalas. O abstracto do tema leva a dificultade, moitas veces, de concretalo e poder expresalo con certa nitidez.

O oficio da panadería.Guillermo Moscoso no obrador familiar
O oficio da panadería.Guillermo Moscoso no obrador familiar

De verdade nunca estiven tan ocupado como o estou agora, teño varios proxectos que só lle vexo futuro se son capaz de ter as forzas suficientes en non decaer para poder levalos cara adiante. Si, eu vexo un futuro prometedor nestes momentos onde parece que ninguén o ve, pero só lle vexo un segredo. Perdón dous, o primeiro é unha capacidade de esforzo tremenda coa suma de ilusión e ganas de aprender e o segundo é que non se debe esperar unha repercusión económica a curto prazo, ao contrario, dende o meu punto de vista hai que darlle tempo.

E agora a pregunta que vos estaredes facendo os que teñades a deferencia de pararvos a ler o blog, de que está a falar este?

Ben, dun tempo a esta parte parece que todo ou case todo tende a minguar, consumirse. Semella que calquera proxecto, calquera ilusión tense que esvaecer xa que non ten perspectiva suficientemente positiva como para albergar indicios de avances económicos, ou simplemente para xerar unha ilusión no medio que rodea a toda actividade do proxecto que un queira acometer.

Estamos sumidos nesa tormenta que non ten visos de amainar, pero... aquí vai a miña esperanza. O pan si.

Que ninguén o tome que vai a facer cartos e moito menos a vivir coma un rei porque iso non pasará, pero si, e disto estou seguro que con esforzo, ilusión e ganas de aprender o mundo do pan ten futuro.

Dun tempo a esta parte, concretamente dende fai uns seis anos a panadería espertou e avanzou en concepto e maneiras de concibilo negocio. Semella que cando incluso moitos restaurantes importantes, hoteis, pastelerías e  outros ámbitos relacionados coa hostalería están a pasar momentos difíciles o mundo do pan esperta e vive agora, seguramente un dos mellores momentos en canto a difusión e interese por parte de todos.

O que pasa é que parece que en Galicia non terminamos de darnos conta disto. E, claro, se os panadeiros profesionais non damos un paso adiante, como imos a transmitir ilusión e confianza a un público que, por aquí aínda é descoñecedor disto?

Bueno, pois teremos que poñernos todos a traballar e agora digo eu... e se quero ser panadeiro? Contestaría Guille, se tes ilusión, ganas de aprender e unha mente aberta a novos retos, terás futuro dunha ou doutra maneira.

 

O BO PAN TEN FUTURO

Comentarios

Que tan ben falades, oh!!!. Que forma de transmitir nunhas verbas o voso sentir.

O bo pan ten futuro, como tódolos proxectos que teñan alma e vaian a modiño, paso a paso. Como dis, o primeiro obxectivo non pode ser rendibilizar o proxecto en catro días. Unha cousa de cada vez, aos poucos, tecendo sinerxias, facendo contactos, aprendendo e mellorando. Xa logo virán os éxito se han de vir.

Parabéns polo texto.

Pepi Pi, moitísimas grazas. Acábasme de acordar ao ler o teu cometario á forma de falar que ten un amigo meu da zona de Fisterra. Ese "tan ben falades" é encantador, propio da Costa da Morte. Para min unha das zonas máis máxicas e fermosas de Galicia. Moitísimas grazas, de verdade

Jorge, cada día estou máis contento do "atrevemento" de invitarte a que viñeras ao meu obradoiro, reinvindicando que en Compostela si que se facía bo pan. Os proxectos que teñen alma eu non sei se algún día darán rendibilidade pero o que estou seguro é que sen paixón é mellor non facer nada. O corazón aínda debe ter moito que dicir.

Vaia honra, Jorge Guitián facendo un comentario no meu blog, quen mo ía dicir a min.
Grazas Jorge, falamos!!