Pan da última fornada

CON MOITA MIGA 2016

Voltamos a facer un evento sobre o Pan Galego. O pan de calidade que se fai en Galicia. A últimos de febreiro Pontevedra acollerá a dinamización e valoración do pan e dos panadeiros da nosa autonomía. 

A última semana de febreiro, concretamente os días 25, 26, 27, 28 e 29 de febreiro Con Moita Miga voltará para difundir e valorar o pan que se fai en Galicia. Todos sabedes que eu son parte implicada nesta asociación cultural que xa no 2014 organizamos outro evento en Compostela. 

Comezaremos coa Noite Branca o día 25, o 26 teremos charlas e catas sobre o pan na hostelería e os aspectos nutricionáis do pan. O sábado 27 faremos pan na Praza de Abastos de Pontevedra, haberá diferentes obradoiros e á tarde falaremos sobre a formación dos novos panadeiros máis entrevistaremos a unha familia moi importante no sector da panadería en Galicia. O domingo outro obradoiro máis no CIFP Carlos Oroza e ao mesmo tempo haberá unha charla dun dos referentes da panadería artesá a nivel nacional. E o luns 29 os profesionáis e os estudantes dos ciclos medios de panadería xuntarémosnos no Pazo de Cultura a aprender sobre a calidade das fariñas, as masas de alta hidratación, as fermentacións retardadas, a panadería como negocio e o marqueting, redes sociais e tendas físicas da panadería galega.

Precisamos saír do inmobilismo, formarnos, aprender e debater sobre o noso futuro. Abrir os ollos, aprender novas técnicas e intentar prosperar tanto na calidade do que facemos como na maneira en que chegamos ao cliente. Precisamos xente cualificada para traballar nos nosos obradoiros, rapaces novos con inquedanzas e con ganas de facer cousas nova e facelas ben. Precisamos viaxar, entrar en contacto con outras maneiras de traballar para aprender e difundir ao mesmo tempo o que estamos facendo aquí. Precisamos investigar na calidade dos trigos, na adecuación de novas técnicas que se poidan adaptar aos nosos procesos sempre que garden de maneira estricta os factores de máxima calidade. Necesitamos unirnos con humildade e honestidade para poder mellorar, limar os problemas que nos separan uns dos outros e intentar consensuar un futuro mellor, sen impoñer, dialogando. Repito que a honestidade sexa a bandeira para conservar e rubricar o futuro do pan e dos panadeiros galegos.

Pontevedra brindouse de maneira xenerosa e o pan agora ten unha débeda con esta cidade. Celebremos un evento que se recorde durante tempo por ser unhas xornadas polo pan e polos panadeiros na cidade de Pontevedra. 

Con Moita Miga e eu persoalmente agárdovos en Pontevedra.